En 7 días volve o festival de cine con máis agroglamour da galaxia: o Festival de Cans, que este ano adícase aos 20 anos da primavera do rock feito en Galicia e en galego. Unha retrospectiva de documentais e videoclips do Xabarín e un concerto de Heredeiros da Crus artellan un dos pratos fortes desta undécima edición que se celebrará do mércores 21 ao sábado 24 de maio en Cans (Porriño). Catro días de programación con curtametraxes, estreas de longametraxes, documentais, novas linguaxes narrativas, novas seccións e máis de vinte actuacións musicais.
Este ano competirán en Cans 17 curtametraxes de ficción, animación e non ficción, de estilos diversos que representa a variedade de olladas que hai no audiovisual galego. Entre as novidades, destaca a posta en marcha de novas seccións como Cans Xtremo, con avances de traballos sobre deportes extremos ou singulares, ou London Canning, que achega propostas de creadores galegos residentes en Londres, así como a creación dun novo espazo: a carpa do río, coa que se descentraliza o festival e se ofrece un novo espazo de esparcimento e de actividades. No seguinte enlace podedes consultar o programa completo de Cans por días.
Un dos pratos fortes desta edición é a celebración dos 20 anos da primavera do rock galego, que contará coa actuación dos Heredeiros da Crus no Torreiro o sábado 24 e o pase dunha escolma de documentais sobre o bravú e de clips do Xabarín Club. Xurxo Souto presentará ademais o Ano Bravú, iniciativa extensiva que levará actividades por toda Galicia, así como o novo clip de Os Diplomáticos. Ademáis, durante o festival haberá unha veintena de actuacións musicais para todos os gustos: rock, folk, charanga, soul…
Cómo conseguir entradas para Cans?
O 90% da programación do festival é de acceso libre e gratuíto. Só require pagar entrada para asistir á estrea en Galicia do documental sobre Antonio Vega «Tu voz entre otras mil» e ás proxeccións da sección oficial e as curtas a concurso. Os que queirades facervos con entradas sabede que este venres, 16 de maio, poranse 500 á venta no Local Social de Cans. Cada persoa poderá mercar ata dúas entradas a un prezo de 12€ cada unha. Tamén poderedes mercar packs de entrada + camiseta + programa a un prezo de 20€. Ademais, as entradas para a proxección do documental sobre Antonio Vega, poranse a venta o venres 23 ás 16:00 na porta da sala, unha hora antes da estrea no Baixo de Bugarín.
Cómo chegar ata Cans?
Cans é unha parroquia de Porriño á que se accede principalmente a través da autovía A52 (a que vai ata Ourense), aínda que como Cans é pequeno e vai a estar petado, non é recomendable que levedes o coche ata alí. Dende a organización recomendan ir ata Porriño, aparcar alí e pillar un dos buses que van e veñen de Cans estes días e que o billete custa 1€ para todo o día (fagas as viaxes que fagas). Neste enlace á web do Festival veñen os lugares onde podedes deixar o coche e os horarios e as paradas dos buses.
E para que non nos perdamos na festa, a organización fixo este mapa tan chulo coas situacións das salas, servizos, etc.:
Deja una respuesta