Esta fin de semana xúntanse dúas celebracións con gran número de eventos en Vigo e arredores: trátase do Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos. O primeiro deles é ben coñecido entre todos nós, celébrase dende 1963 todos os 17 de maio (festivo en toda Galicia) honrando a un escritor na nosa lingua. Ao día seguinte, o 18 de maio, ten lugar a celebración do Día Internacional dos Museos, levado a cabo polo Consello Internacional de Museos para promover o interese xeral pola xestión e actividades dos museos e centros de arte.